FESTA DE ANIVERSARIO

Queremos amosarvos outro formato para as celebracións no restaurante. Como vai frío,  os espazos exteriores non son doados para desfrutar da festa, así que se pode empregar o mesmo salón para o xantar ou a cea e tamén para o baile.

Unha cea-buffet é moi axeitada para o propósito. Deixa espazo dabondo para servir o menú e tamén para instalar os elementos da música.

E despois…  a festa!

A zona da barra e o porche cuberto tamén son aproveitables para quen xa estea canso de bailar e queira tomar unhas copas.

Pasado Agosto

Ola a todos!

Tedes que desculpar que durante este último mes a páxina nos quedase desatendida. Limitámonos a manter actualizada a páxina do Facebook, por unha simple cuestión de popularidade e de economía temporal, e quedounos atrás o traballo nesta bitácora. Por se acaso aproveitamos para suxerir que, aqueles que teñades perfil nesa rede social pero aínda non nos sigades, comecedes a facelo agora. Para os que non teñades perfil ningún, facemos un resumo.

A Festa Cubana do pasado 24 de Xullo foi un éxito. Había unha concordancia xeral en que a cea estaba moi boa, que o concerto saíu moi ben e que tanto os/as que saíron á pista de baile como os/as que preferiron mirar gozaron moito do ambiente. Temos un álbum de fotos que o proba (grazas sobre todo á nosa amiga Marta) e tamén un pequeno vídeo. Pasade pola galería e mirade!

Despois diso, aínda houbo máis. O 25 de Agosto pasado, domingo pola tardiña, organizamos o noso primeiro concerto ao aire libre no xardín. Os que tocaron foron Samsara, bos amigos da Casa dende hai tempo. Eles non só puxeron decibelios, senón tamén moi boas vibracións, e todos quedamos encantados coa boa acústica que se recollía alí detrás. Amais diso, ao remataren puxeron os instrumentos e o equipo a disposición dos espontáneos e tivemos unha pequena e moi divertida “jam session”, non só con música, senón tamén con poesía. As fotos deste día, que tamén podedes atopar na galería, foron por cortesía de Helena (se queredes contratar a algunha fotógrafa non tedes máis que pedir referencias, eh?). E o cartel foi este, para que vexades que non é bóla.Imaxe

En fin, que non queremos poñer pausa! Dentro de pouco máis cousas. Unha aperta a todas e a todos.

Festa cubana

Asuca’!

O mércores 24 de Xullo, véspera de festivo, como está a facer bo tempo pero o traballo non nos deixa baixar demasiado á praia, ímonos poñer caribeños na propia Casa. Que non se diga…!

Para comezar imos coller algúns ingredientes exóticos, inventar con eles unhas bonitas filigranas culinarias e presentarvos un menú degustación de gastronomía cubana que vos sorprenderá mentres tamén vos deixa pertinentemente saciados (Mojito incluido).

Logo chamaremos a un grupo de experimentados músicos nativos chamado SonReal para que dea un concerto en directo e nos arrebate a todos entre salsas e boleros.

Máis aínda, os que cheguemos un pouco perdidos e non saibamos moito de bailar teremos á nosa disposición a Cristina (da escola Mesturas Danza), para que nos anime e nos ensine uns pequenos pasos cos que aguantar o tipo no medio da pista.

E todo isto, entre decoracións tropicais e a calor estival, dá como resultado un ambiente coma o que se percibe na parte de abaixo do noso carteliño, só que con menor moreno de pel:

pasquín cubano

Este será o horario aproximado das actividades:

21:00 — Clase de ritmos latinos previa á actuación.

22:00 — Servizo de cátering e coctelería de mojitos

23:00 — Comezo da actuación en directo.

01:00 — Sesión de pinchadiscos ata o remate.

E toda esta oferta por 15€, xa vedes. Para conseguir os vosos tickets podedes mercalos aquí no restaurante directamente  ou ben reservárnolos por teléfono/correo e facer o pagamento por ingreso en conta bancaria (Banesto 0030 6085 96 0387024273). Aos que decidades vir pedímosvos que non agardades ata o último momento para mercar a vosa entrada, posto que levando un cálculo anticipado de asistentes sempre nos é moito máis fácil planificar os labores de cociña.

Graciñas e un saúdo a todos, vémonos o 24!

Celebración da Noitevella

fotoretoque nocheviejaEstimados todos:

Visto que nin o ano nin nós chegamos á fin o día 21 e que a previsión actual é rematarmos o 2012 engulindo uvas a contrarreloxo como de costume, dende a Casa temos unha proposta que facer: algúns teredes plans xa pechados (saír no centro da vosa cidade, ficar tranquilos na casa), pero seguro que outros moitos, por aquilo de que a Noitevella non deixa de ser unha rutina e de que tampouco hai nada novo baixo o sol, non vos quixestes preocupar de ter que tomar unha decisión concreta para a “madrugada M”.

Isto, ao mellor, interésavos.

Nós, que non temos maior expectativa que a de estar cómodos e pasalo ben trasnoitando, imos facer festa. A única programación que temos é estar de bo humor, pasar o tempo con amigos e  garantir que non se van sufrir empurróns nin faltas de respeto por parte de ninguén; parécenos suficiente. O resto poñédelo vós. Podedes montar a vosa propia festa, coma na casa, pero sen o perigo de molestar aos veciños nin a preguiza de ter que recoller ao día seguinte.

O único do que nos temos que preocupar é de vos prover bebida suficiente, manter cubertos os gastos do local e ofrecer un servizo axeitado, de tal modo que imos establecer unha cuota de 20 euros por persoa con barra libre, desexablemente a recadar por anticipado. Sabemos que o prazo con que avisamos é un pouco xusto para isto e pedímosvos desculpas, pero nunha semana pódese facer. Para apuntarvos e formalizar o pago podedes poñervos en contacto polos medios tradicionais, a través do Facebook ou falando directamente con calquera de nós se nos tedes a man, e así concretar a forma de pago que máis vos convén (en man, ingreso, etc.).

Horario: comezo ás 02:00h. e remate ás 07:00h.

Extras: chocolate con biscoitos.

NOTA: Os que saibades tocar un instumento non vos privedes de traelo.

Felices festas a todas e a todos.

Portal do “Manüele de pandeireta…”

Despois dunha presentación redonda da que xa podedes ver testemuño fotográfico na sección correspondente da Galería, para os que asististes e os que non tamén, queremos deixar aquí o enlace ao portal oficial do Manüele (Ediciones Intermitentes), albergado dentro do da A.C. Trépia e magnificamente desenvolvido por Diego Pintos e Xandre Outeiro, dende o que podedes adquirir o voso exemplar impreso ou electrónico e atopar clasificada moita da información contida no libro ademais doutros materiais e arquivos multimedia extra (audios das recolleitas, fichas didácticas, etc.)

O enderezo é: http://www.trepia.org/manuele

Botádelle un ollo, seguro que aprendedes algo!

Concerto-presentación: “Manüele de pandeireta e canto tradicional vol. 1” (2ª edición)

Despois de celebracións e encontros inaugurais tan pracenteiros mergullámonos de cheo na promoción cultural. Do venres 16, que tivemos Magosto, imos ao venres 23 e tiramos porque nos toca. Ese día, ás 21:30h., teremos o pracer de acoller un importante evento coordinado dende Ediciones Intermitentes, que nos volverá conectar unha semana máis co mundo da nosa música tradicional. Eles como editorial e Xandre Outeiro como autor presentan a segunda tirada do Manüele de pandeireta e canto tradicional, unha edición revisada e ampliada dun volume didáctico pioneiro que viu a luz por primeira vez no abril pasado e que está a ter unha demanda cada vez maior.

Desta volta, ademais de toda necesaria explicación sobre o libro e o soporte a el vencellado, o autor e músico ofrecerá unha interpretación en directo de parte do repertorio incluído no mesmo. Unha grande ocasión para tomar contacto coa aprendizaxe do instrumento e a linguaxe da música tradicional galega da man dun verdadeiro coñecedor. Ademais, para rematar e por cortesía dos Intermitentes, ofreceremos uns saborosos pinchiños. Apuntádevos ao evento de Facebook aquí.

Lembrade, venres 23 ás 21:30. A música volve á Casa!

I Festa do Magosto

Cando se vive na cidade hai moitos días nos que as estacións semellan unha vulgar convención. Unha noción de escola para pautar a realidade e impedir que nos abrume; unha xustificación tan boa coma calquera outra para marcar os principais períodos vacacionais no calendario. Na maioría das zonas urbanas, onde o entorno apenas muda, a xente só logra identificar a estación vixente mediante indicios moi concretos, como por exemplo a chegada dos días máis fríos e máis cálidos ou o primeiro ataque de alerxia. Mais pola contra, no rural, os ciclos instálanse en cada palmo do terreo con tal esplendor que é imposible que a un lle dea igual agosto que febreiro.

Aquí na Casa, por esta época outonal, son os castiñeiros os que mellor se encargan de nos manter ao corrente da actualidade. Mentres estas semanas pasadas discutiamos sobre cal podería ser un bo acto inaugural do noso novo proxecto, o carreiriño da entrada sufría un bombardeo incesante de ourizos e ateigábase de castañas esparexidas. As propias árbores  estaban a facer unha proposta contundente. Así pois, fixémoslles caso e agora comprácenos moito anunciar a convocatoria da I Festa do Magosto en A Casa de Ana para o próximo venres 16 de novembro (poñémoslle “primeira” polas moitas máis que han de vir) e na que toparás co seguinte:

Asado de castañas artesanal: porque o sentido do Magosto está en que a castaña sexa o leit-motiv dun encontro popular e proporcionar todo o froito dende a cociña non sería o mesmo. Preferimos sacar o lume fóra e así non perdermos ningún de nós a calor, nin o recendo, nin o espectáculo.

Serán de música tradicional coa participación da Asociación Cultural Trépia: pandeiretada, baile e canto de pezas tradicionais aos que se poderá incorporar calquera dos asistentes. Para amenizar a velada en conxunto.

Merendas moi apetecibles: empanada caseira + cornete de castañas + doces de outono + 1ª consumición (refresco, cervexa…) por tan só 4€.

O lugar xa o coñeces, e a hora aproximada de comezo será ás 19:00h. (por aquilo do serán… e para que os máis cativos tamén poidan gozar da festa sen trasnoitar).

Este é o noso primeiro evento importante e imos poñer todo o esforzo en facerche atopar todo o mellor do outono. Compilaranse, por suposto, boas fotos e vídeos que faremos públicos nos días posteriores e, francamente, se tes oportunidade, parécenos moito mellor que saias neles e non te contentes con revisalos por causa dos demais. Que che parece?

Contamos contigo, anímate e vén! Na Casa, Magosto!

Benvido!

Aí hai un timbre, pero non fai falla chamar

Pasen e vexan

Ola! Grazas por visitar o novo sitio web do restaurante A Casa de Ana. É un pracer para nós poder abrir esta páxina, esta canle de comunicación contigo, polas boas implicacións que existen detrás. Podes pensar que para un negocio de cociña tradicional non é tan común nin necesario manterse presente na Internet, porque carece do que informar, de actualidade. Porque é o que é, sen que exista outro xeito de coñecelo máis que cravando o garfo. Nós, a lo menos, si pensabamos polo estilo e probablemente por iso non nos decidimos antes a instalarnos aquí. Pero agora a nosa necesidade é imperiosa.

Onde imos? Comer algo?

Vén, que imos xogar

En A Casa de Ana iniciamos a día de hoxe un proxecto de renovación e aproveitamento do espazo. Pensamos que no noso caso a simple oferta de gastronomía é arestora unha forma limitada de traballo, ao tempo que un atractivo escaso por si só para convidarte a que te achegues, e por iso imos ampliar os horizontes.  No trascurso dos próximos meses planeamos que A Casa se convirta en recinto de veladas culturais e musicais, exposicións de arte(sanía), espectáculos de creación, obradoiros diversos… Todo de xeito progresivo, pero tamén acumulativo, e sen deixar de lado a boa cociña que nos popularizou durante estes anos.

Rioja a bo prezo

A bebida, con moderación

Ah! Se por casualidade aínda non nos coñeces tal vez queiras botar un ollo ás seccións “Sobre nós” e “Galería“. Nelas terás unha achega ao entorno e á xente cos que vas topar na Casa.

Así pois, xa sabes, visítanos por aquí a miúdo para manterte informado de canto organicemos. Para axudar nós tamén iremos avisando en Facebook de canto che cumpra saber: síguenos!

Hai unha Casa no alto, e ti sempre es benvido a visitala.