Pasado Agosto

Ola a todos!

Tedes que desculpar que durante este último mes a páxina nos quedase desatendida. Limitámonos a manter actualizada a páxina do Facebook, por unha simple cuestión de popularidade e de economía temporal, e quedounos atrás o traballo nesta bitácora. Por se acaso aproveitamos para suxerir que, aqueles que teñades perfil nesa rede social pero aínda non nos sigades, comecedes a facelo agora. Para os que non teñades perfil ningún, facemos un resumo.

A Festa Cubana do pasado 24 de Xullo foi un éxito. Había unha concordancia xeral en que a cea estaba moi boa, que o concerto saíu moi ben e que tanto os/as que saíron á pista de baile como os/as que preferiron mirar gozaron moito do ambiente. Temos un álbum de fotos que o proba (grazas sobre todo á nosa amiga Marta) e tamén un pequeno vídeo. Pasade pola galería e mirade!

Despois diso, aínda houbo máis. O 25 de Agosto pasado, domingo pola tardiña, organizamos o noso primeiro concerto ao aire libre no xardín. Os que tocaron foron Samsara, bos amigos da Casa dende hai tempo. Eles non só puxeron decibelios, senón tamén moi boas vibracións, e todos quedamos encantados coa boa acústica que se recollía alí detrás. Amais diso, ao remataren puxeron os instrumentos e o equipo a disposición dos espontáneos e tivemos unha pequena e moi divertida “jam session”, non só con música, senón tamén con poesía. As fotos deste día, que tamén podedes atopar na galería, foron por cortesía de Helena (se queredes contratar a algunha fotógrafa non tedes máis que pedir referencias, eh?). E o cartel foi este, para que vexades que non é bóla.Imaxe

En fin, que non queremos poñer pausa! Dentro de pouco máis cousas. Unha aperta a todas e a todos.