Visto que nin o ano nin nós chegamos á fin o día 21 e que a previsión actual é rematarmos o 2012 engulindo uvas a contrarreloxo como de costume, dende a Casa temos unha proposta que facer: algúns teredes plans xa pechados (saír no centro da vosa cidade, ficar tranquilos na casa), pero seguro que outros moitos, por aquilo de que a Noitevella non deixa de ser unha rutina e de que tampouco hai nada novo baixo o sol, non vos quixestes preocupar de ter que tomar unha decisión concreta para a “madrugada M”.
Isto, ao mellor, interésavos.
Nós, que non temos maior expectativa que a de estar cómodos e pasalo ben trasnoitando, imos facer festa. A única programación que temos é estar de bo humor, pasar o tempo con amigos e garantir que non se van sufrir empurróns nin faltas de respeto por parte de ninguén; parécenos suficiente. O resto poñédelo vós. Podedes montar a vosa propia festa, coma na casa, pero sen o perigo de molestar aos veciños nin a preguiza de ter que recoller ao día seguinte.
O único do que nos temos que preocupar é de vos prover bebida suficiente, manter cubertos os gastos do local e ofrecer un servizo axeitado, de tal modo que imos establecer unha cuota de 20 euros por persoa con barra libre, desexablemente a recadar por anticipado. Sabemos que o prazo con que avisamos é un pouco xusto para isto e pedímosvos desculpas, pero nunha semana pódese facer. Para apuntarvos e formalizar o pago podedes poñervos en contacto polos medios tradicionais, a través do Facebook ou falando directamente con calquera de nós se nos tedes a man, e así concretar a forma de pago que máis vos convén (en man, ingreso, etc.).
Horario: comezo ás 02:00h. e remate ás 07:00h.
Extras: chocolate con biscoitos.
NOTA: Os que saibades tocar un instumento non vos privedes de traelo.
Felices festas a todas e a todos.